Nós

Manifesto fundacional

Estamos a viver un tempo contraditorio, no que muitas das ideas nas que se acreditou ao longo de anos e de décadas están a ser derrubadas polo vento da Historia, a cair por elas mesmas ao teren pés de arxila. Durante anos escoitamos como se repetía de maneira teimosa a ladaíña que afirmaba que cumpría abolir as particularidades e as identidades, que se debía camiñar na dirección de aspirarmos a ser unha cidadanía mundial. Mais, ao tempo, observábamos, ainda que semellaba que non queríamos velo, como ao noso redor agromaban novas identidades, colectivos de xentes que se achaban e achan orgullosas de seren lituanas ou vascas, eslovacas ou moldavas, catalás ou flamengas. Persoas que defenden as súas língua, cultura, territorio, economia, persoas a se consideraren elos dunha cadea que vén desde a noite dos tempos e que, en resumo, non queren outra cousa que ser elas mesmas. E ao mesmo tempo, devagar, estamos a ver como ese falso universalismo do que se nos falaba non atende cuestións profundamente humanas —como a satisfacción de necesidades económicas básicas ou culturais— e representa somente o universalismo do diñeiro.

Estamos a viver, dicemos, un tempo caracterizado, tamén, polo declínio do que até o dia de hoxe temos considerado os chamados grandes partidos tradicionais e, ao tempo, polos desexos da cidadanía de apañar nas suas maos as rédeas do seu futuro. A sociedade, atravesada por unha crise económica, política, cultural e ética sen precedentes, olla como os seus setores máis conscientes deciden non ficar inmóbeis na defensa das súas identidade, industria, cultura, idioma, natureza. Identidade, cultura, idioma: eis os elementos chave que empurran a aparición de Pertenza. Identidade, língua: outras maneiras de nomear ideas que chegan até o fundo dos humanos, ideas que teñen a ver coa restauración da dignidade, coa reivindicación do noso séndomos fieis a unha antiga herdanza. Cultura, idioma: unha herdanza na que compre afortalarmos as liñas de progreso e mudarmos ou rexeitarmos os perfis anacrónicos, e avanzarmos así cara a un futuro cada vez máis xusto.

Un avanzo —agora que se cumpren cento cincuenta anos de Cantares Gallegos— no que nos debe servir de referencia a fidelidade á voz de Rosalía de Castro, mudando, como ela dixo, a Galiza no noso obxecto. Como nos deben servir de búsola as palabras de Murguía, ao proclamaren que xentes que falan a língua que non lles é própria constitúen un pobo que non se pertence, ou as de Vicente Risco ao nos interpelar asegurando que a culturización do País nunca se debe de levar a cabo na obriga da ignorancia a si proprio. Un avanzo co orgullo de sermos unha nación que queremos ser o que somos, non o que outros queren que sexamos; un País na procura da autoafirmación, contra a imposición de valores mesquiños; unha Terra tecida na perseveranza por mudar a nosa historia, por converter a nosa língua, vehículo de comunicación con trescentos millóns de persoas, que viven en case once millóns de quilómetros cadrados, asentadas en catro continentes, nunha ferramenta para estarmos no mundo. Un avanzo dun pobo na busca da liberdade, da paz e da xustiza, da igualdade con mulleres e homes, na busca solidaria da Humanidade e, sinaladamente, na afincada procura de si mesmo.

 

Vigo, 22 de xuño de 2013